E ao final, o primeiro “Concerto Na Fin do Mundo”, superou con fartura as nosas expectativas…

Todo pintaba moi ben xa o día previo… entradas esgotadas en apenas 25 minutos, unha localización única, o Faro Silleiro de Baiona, na que ata o duro traballo de montaxe facíase agradable, e para finalizar o día… , a natureza no seu máximo expoñente, tan presente en cada páxina deste proxecto, parecía agradecernos o esforzo realizado agasallándonos con esta marabillosa posta de sol

A xornada do Sábado non amenceu con bo pé, e o parte meteorolóxico ameazaba con choiva. Sería posible que despois de tanto esforzo todo se estragase?.

Pero o que no parte parecía unha ameaza, converteuse nunha visita de cortesía, coma se a choiva, tan culpable do verde da nosa terra, non quixese perderse esta primeira cita. E así foi, o orballo pasou a saudar e como veu, foise, deixando ao seu paso unha leve e máxica néboa que nos lembraba onde estábamos, nun dos confíns do mundo.

O primeiro en probar foi Pablo Lesuit, que desde que puxo un pé no recinto asolagounos a todos coa súa simpatía e enerxía.

Tras a proba de Pablo chegou a de Tanxugueiras, para nós un auténtico descubrimento. Naturais, espontáneas e profesionais. As primeiras notas da súa proba puxéronnos os pelos de punta, cargaron ao faro de enerxía e mantivéronse reverberando durante todo o día entre os seus muros, como preludio ao que nos esperaba esa mesma noite.

E aos poucos, durante as probas, a maxia do Faro Silleiro foi penetrando en artistas e staff, e conscientes de que estaban a vivir unha experiencia singular nun dos enclaves máis bonitos nos que probablemente tocarían, aproveitaron cada minuto da tarde para gozar das vistas e facerse toda clase de selfies, fotos e vídeos co oceano atlántico e unha inigualable vista das Illas Cíes como fondo.

Compartindo a filosofía do evento, a mobilidade sostible e o disfrute da contorna, e dispostos a vivir a experiencia na súa plenitude, ás 19.30 h, o público comezou a verse polos arredores.

Moitos deles foron chegando a pé, gozando dunha paisaxe máxicamente bañada pola néboa, e os outros, nos buses gratuítos que saían de Baiona.

Ás 20.30 h Russinha arrincou o seu primeiro set, cunha proposta electrónica cargada de sons tribais, afro- house e tropicais mesturados maxistralmente con sons e ritmos da música tradicional galega.

Russinha soubo crear un momento de desconexión que nos permitiu fusionarnos coa contorna, mentres gozabamos doutros dos principais praceres da nosa terra, unha Estrela Galicia ben fresquita, e unha selección de bocados baseados en produtos galegos, entre os que destacaban unhas deliciosas empanadillas de Zamburiñas ou Lacón Con Grelos.

Ás 21.00 h, con puntualidade británica, Pablo Lesuit subiuse ao escenario asolagando o Faro Sileiro coa súa enerxía.

Pablo deléitonos con 45 minutos de pura intensidade musical, unha actuación viva de principio a fin, cun ritmo que non permitiu nin un segundo de aburrimento, e que de poder, nos houbera tido bailando enfronte do escenario ata o último acorde.

Ás 22 h chegou un dos momentos cumes da noite e Tanxugueiras subíronse ao escenario, encandeando ao público desde a primeira palabra, coa súa naturalidade e desenvoltura.

Pero cando comezaron a cantar a cousa púxose seria, e coa primeira nota, xurdiu o amor a primeira vista entre os preto de 200 asistentes, e as voces de Olaia Maneiro, Aida Tarrío e Sabela Maneiro, tres mulleres fortes, valentes e empoderadas, cheas de virtuosismo e contundencia, deixándonos claro que son as máximas expoñentes dunha nova xeración de cantareiras.

E entre actuación e actuación a noite foi gañando terreo ao día, e aos poucos o ceo foise despexando, para deixar que o faro  tivese o seu momento de protagonismo, e iluminará coa súa luz, un dos máis belos enclaves da nosa costa, despedíndose do público como realmente merecíase, e poñendo o broche de ouro, ao primeiro Concerto Na Fin Do Mundo.
Mañá, espéranos a segunda cita de Concertos Na Fin Do Mundo, esta vez no Faro Punta Dá Barca de Muxía, acompañados por Dulce Pontes, Margarida Mariño e Russinha.
Vémonos na fin do mundo…
Fotografía: Fuco Reyes