Estades list@s para gozar dun concerto máxico no fin do mundo?

 Xa temos todo preparado para que gocedes do segundo Concerto Na Fin Do Mundo no fermoso Faro Punta dá Barca de Muxía.

Lembrade que un dos principais obxectivos deste ciclo é a sustentabilidade, por iso e co principal obxectivo de respectar a contorna evitando desprazamentos masivos en coche, propoñémosche un pequeno paseo a pé desde a zona de aparcadoiro reservado no porto de Muxía ata o faro. 

Este paseo, á vez que contribúe á sustentabilidade, permitirache gozar da paisaxe, da contorna, e da experiencia dunha forma máis completa.

Na porta de acceso, o persoal de admisión daravos unhas pulseiras co número da vosa cadeira, para que vos sexa fácil localizar o voso asento. Se comprastes a entrada en grupo, atoparédesvos as vosas cadeiras xuntas. Lembrade que por protocolo  COVID, non é posible mover as cadeiras de lugar.

 No recinto teredes unha zona de hostalería con bebida e comida que poderedes consumir nos vosos asentos. Lembrámosvos que por protocolo  COVID non está permitido beber e comer de  pé.

 O evento abrirase ás 20:30 h cunha sesión  dj da man de  Russinha, creando un momento de desconexión que che permitirá gozar da paisaxe e fusionarche coa contorna.

E a partir de aquí só quédavos gozar da música, nunha contorna máxica…

Ás 21:00 h comezará a actuación da  violoncelista galega  Margarida Mariño, cun repertorio orixinal inspirado en temas como a ecoloxía, o cambio climático ou as migracións humanas. 

A música de  Russinha acompañaranos de novo mentres facemos un rápido cambio de escenario. 

E ás 22.00h horas poderemos gozar da actuación da gran artista portuguesa Dulce Pontes, xa á luz da lúa, e do faro.

 Esperámosvos en Faro Punta Dá Barca, para gozar dunha experiencia única… no fin do mundo.

.