FARO SILLEIRO

21/08

FARO SILLEIRO

BAIONA

A MÚSICA

A música, en harmonía co ruxir das ondas e cos sons da natureza, será a protagonista principal de Concertos na Fin do Mundo.

Co obxectivo de que a experiencia musical se integre o máximo posíbel coa contorna, gozarás dunha proposta escénica e dun repertorio adaptado á singularidade de cada espazo.

O evento abrirase ás 20:30 cunha sesión DJ da man de Russinha, creando un momento de desconexión que che permitirá gozar da paisaxe e fusionarte coa contorna. Ás 21:00 horas comezará a actuación do músico galego Pablo Lesuit. A música de Russinha acompañaranos de novo mentres facemos un rápido cambio de escenario. E ás 22.00 horas, poderemos gozar da actuación de Tanxugueiras, xa ao luar.

TANXUGUEIRAS

Mulleres fortes, valentes e apoderadas. Cantareiras dunha nova década. As voces de Olaia Maneiro, Aida Tarrío e Sabela Maneiro, cheas de virtuosismo e contundencia, son as máximas expoñentes dunha xeración aberta á evolución e formulación das músicas de creación colectiva galega.

+ información

PABLO LESUIT

Pablo Lesuit é un músico multiinstrumentista, cantante e compositor galego que salienta polo seu estilo persoal e independente. A música de Pablo non entende de fronteiras ou etiquetas. Libre, viaxa por intensas paisaxes nas que a poesía das súas letras se combina con grandes doses de percusión, guitarras e samplers.

+ información

RUSSINHA

Russinha, nome artístico da compostelá Marta Gilino, é unha DJ consolidada na escena galega. A súa proposta electrónica de sons tribais, afro-house e tropicais mesturarase nesta ocasión con sons e ritmos da música tradicional galega.

 

CONTORNA E PATRIMONIO

Concertos na Fin do Mundo é unha experiencia que terá lugar nalgún dos máis fermosos e impresionantes faros da costa galega. A contorna, a paisaxe e a natureza serán elementos protagonistas, atinxindo que o público goce da riqueza do noso territorio dende unha aproximación responsábel e sostíbel.

FARO SILLEIRO

Raias brancas e vermellas visten este faro erguido a 85 metros sobre o nivel do mar, cuxa luz acada as 35 millas náuticas (65 km). Cada 15 segundos escintila unha luz branca, avisando os navegantes sobre os perigos desta costa e guiándoos na súa travesía polas Rías Baixas.

Existía un faro anterior construído no ano 1866, que foi devastado por un incendio. Este feito provocou que se construíse o actual Faro Silleiro no ano 1924.

+ información

CABO SILLEIRO

Marcando a entrada á Ría de Baiona, atópase esta lingua de terra que penetra no océano Atlántico, testemuña muda da peregrinación de miles de camiñantes que se dirixen a Santiago de Compostela a través do Camiño Portugués da Costa. Dende o miradoiro de cabo Silleiro, camiñantes e visitantes gozan dunhas vistas panorámicas inesquecíbeis.

+ información

BAIONA

Ao sur das Rías Baixas atópase Baiona, vila turística e mariñeira chea de vida, lendas e cunha fortaleza que protexe o seu porto. A súa zona antiga, declarada “Conxunto de Interese Histórico-Artístico”, ofrece unha viaxe ao pasado contada a través das pedras que conforman o tramado urbano, acompañado sempre polo cheiro a salitre que impregna as súas rúas. Enclave cargado de identidade propia e cun relevante patrimonio etnográfico, onde a gastronomía se enraíza co mar. Un mar que se pode gozar nos máis de 4 km de praias que se esparexen na súa costa, realizando actividades náuticas ou gozando dun día de relax.

+ información

CÓMO CHEGAR

Concertos na Fin do Mundo pretende ser un evento 100% sostíbel e co principal obxectivo de respectar a contorna evitando desprazamentos masivos en coche, disporemos dun servizo de bus dende Baiona até o faro. Este servizo, ao tempo que contribúe á sostibilidade, permitirache gozar da paisaxe, da contorna e da experiencia dun xeito máis completo.

Ás 19:50 h iniciarase un servizo de bus lanzadeira gratuíto dende Baiona. Este servizo será exclusivo para persoas con entrada, polo que terás que presentala ao persoal de seguridade antes de subir ao bus. É obrigatorio subir ao bus con máscara e respectar os protocolos COVID indicados polo persoal. Non se permitirá entrar no bus nin con bebida nin con comida. Unha vez finalizado o concerto, reiniciarase o servizo de bus dende o faro até o punto de saída en Baiona.

AVISO IMPORTANTE: Na estrada PO-552 que vai de Baiona á Guarda pola costa e á altura do faro Silleiro, hai unha pequena zona de aparcamento onde deixar o coche. Porén, a estrada de acceso ao faro estará cortada, polo que haberá que facer a pé os últimos 700 metros. Aqueles que escollan esta opción, deberán ter en conta que este treito non dispón de iluminación e á volta, despois do concerto, será baixo o luar. Recomendamos utilizar o servizo de bus lanzadeira.

21/08

FARO SILLEIRO

BAIONA

RUSSINHA

TANXUGUEIRAS

PABLO LESUIT

27/08

FARO PUNTA DA BARCA

MUXIA

RUSSINHA

DULCE PONTES

MARGARIDA MARIÑO

03/09

FARO DE CORRUBEDO

RIBEIRA

RUSSINHA

ANXO LORENZO

LAURA LAMONTAGNE

& PICO AMPERIO

10/09

FARO DE SAN CIBRAO

CERVO

RUSSINHA

MIKEL ERENTXUN

YOLY SAA